Novas

Entrevista a Marcos Rivera, membro de Trampoline

9 de xullo de 2012

“As nosas cancións están baseadas na riqueza tímbrica das guitarras, non buscamos conformar unha banda estándar”

A música de Trampoline transpira seneridade. Partindo dunha proposta que ao principio pode semellar austera, David Tizón e Marcos Rivera exploran as posibilidades sonoras do seu instrumento máis querido: a guitarra. Trampoline naceu á outra beira do Atlántico cando David residía nos Estados Unidos cunha bolsa de estudos. Xa de volta nas Rías Baixas coñeceu a Marcos e ambos decidiron subirse xuntos a esta viaxe musical. Precisamente, cando Marcos fala de todo isto semella estar describindo unha emocionante singradura. Este xoves 12 na sala Aturuxo de Bueu iníciase unha nova etapa ao ser a primeira vez que tocarán en directo co percusionista Iago Fernández.

Como naceu Trampoline?

A orixe de Trampoline é un proxecto persoal do meu compañeiro David Tizón. El é moi afeccionado á música norteamericana e británica e empezou a escribir cancións. David é doutor en Filoloxía Inglesa e estivo varios anos nos Estados Unidos, de aí ven que cantemos en inglés. Para el cantar neste idioma é algo moi natural e ademais as referencias que temos ambos son sobre todo da música anglófona. Coñecímonos hai un par de anos a través de amizades comúns. El estaba buscando alguén con quen facer as cousas e eu estaba a procurar un proxecto que realmente me enchese. Foi unha conexión bastante potente e o que xurdira como unha idea de colaboración deseguida comezou a funcionar moi ben. Pasou dese proxecto persoal a unha cousa totalmente compartida.

Comezamos a tocar xuntos en 2010. Xa no Aturuxo fixemos un concerto en agosto do ano pasado. Eran os primeiros pasos, probando e mirando a resposta da xente. Despois veu a grabación do EP Fog. A idea era facer unha maqueta para mirar como quedaban as cousas gravadas e tamén porque é imprescindible contar con algún tipo de material para mover. Polo de agora non temos selo discográfico e a cousa está difícil xa que a industria da música está bastante saturada. Colgamos as cancións na plataforma Bandcamp e está funcionando moi ben. Hai 6 meses que se colgou o EP e neste tempo houbo case unhas 4.300 reproducións e vai subindo.

Trampoline o conformades dous guitarristas. Queriades fuxir do modelo de banda estándar de pop-rock con batería, baixo e demais instrumentos?

Para os dous a guitarra é case imprescindible. Eu son profesor de música e o meu instrumento é a guitarra. A nosa música non son cancións de tocar acordes e cantar por riba, senón que as texturas dos temas de Trampoline están baseadas na riqueza tímbrica da guitarra. Nunca houbo un impulso de montar unha banda estándar, sinxelamente as cancións eran moi ricas no eido da guitarra e nos decatamos de que os dous eramos suficientes e que así non se desvirtuaba o protagonismo deste instrumento.

Un seguinte paso foi introducir outros instrumentos. David toca sempre a guitarra acústica e canta. É a voz principal. Eu toco guitarras acústicas, guitarra eléctrica, un banjo tenor e un ukelele. Hai que dicir que este tipo de decisións non as tomamos deliberadamente, senón que é coma se seguisen un proceso natural. Cremos que o feito de que eu cambie de instrumento dota dunha riqueza tímbrica bastante interesante. Ademais, isto fai que na hora e vinte minutos que temos de repertorio o directo resulte máis refrescante para o público.

Chama a atención a suavidade das vosas cancións. Nos vosos directos manténse este tipo de son ou soa dunha forma mais contundente?

O noso directo é moi fiel ao que gravamos. Para o concerto deste xoves no Aturuxo hai unha novidade, que será o noso primeiro concerto con percusión. Tocará con nós un batería bastante recoñecido, Iago Fernández. Coñecíamonos desde hai tempo, así que lle pasamos a nosa música e contámoslle o que pensabamos, que non procurabamos crear unha banda estándar pero que queriamos que a historia medrase un pouco porque o propio proxecto no-lo pedía. Nunca facemos as cousas cunha visión comercial. A colaboración foi moi positiva. El é un percusionista que escoita moi ben cando toca e adaptouse ao que facemos. E é curioso, retomando o fío do que dicía antes sobre o peso das guitarras, pois todo soa máis cheo e sen perder o protagonismo da música instrumental.

E como foi o proceso de gravación do EP?

Eu vivo nunha casa na Carrasqueira, en Bueu. Entón, tiñamos este espazo para gravar. Falamos cun amigo de Vigo con experiencia en gravación e bo material e dixémoslle que queriamos facer unha maqueta. Hai que ter en conta tamén que, coa democratización que trae a tecnoloxía, podes acadar un bo resultado co ordenador da túa casa, unha tarxeta e un par de micrófonos. Metímonos catro días en casa concentrados en gravar. O resultado é moi semellante ao que se poderia acadar nun estudo máis profesional, pero coa vantaxe de que estabamos máis cómodos. Foi unha grabación con muito mimo. Todo o que está gravado, agás unha guitarra eléctrica, é acústico. Estamos moi satisfeitos.

Por que lugares estivestes dando concertos até o de agora?

Neste ano que levamos de actividade tocamos acó no Aturuxo. En Vigo estivemos en sitios como a Fábrica de Chocolate, a Casa de Arriba, na zona de Churruca. En Pontevedra actuamos na sala Karma e no Pequeno Karma. Entre as cousas máis interesantes que fixemos ultimamente está que teloneamos a Eladio y los seres queridos en dúas ocasións, na Karma e na SalaSon de Cangas, en maio deste ano. No mes de marzo tocamos nun festival que organiza a Universidade de Vigo no Campus, o Festival Sonora, tocamos nós e La Familia, outro grupo de Vigo. Por outra parte, gravamos un vídeo. Contactáronnos de Vigopolis, que é unha web de ocio, pedíronnos unha colaboración e gravamos ese repertorio en acústico.

Cales son entón os grupos que máis vos inflúen?

Pois David é un fanático seguidor de Radiohead. A min tamén me gustan, e tal vez agora estea a descubrilos mais. Entre os que nos marcan bastante na nosa forma de facer está tamén Sufjan Stevens. É un músico de Michigan de influencia folkie, desas novas correntes que son dificís de etiquetar. A verdade é que poñerse unha etiqueta é bastante complicado, a nós non nos preocupa etiquetarnos. Non creo que aporte nada máis alá de intentar catalogarse un pouco. De cousas mais recentes, hai un grupo inglés que leva ano e pico dando un tirón importante que se chama Dry the River. Esta xente fai un rollo que nos engancha muito. Nós estamos a cabalo entre o pop e o folk, ainda que cando nos escoitas non podes dicir que sexamos un grupo de pop e tampouco somos folkies, se ben o que se pode ver nas gravacións dá unha imaxe máis folkie do que somos en realidade.

De onde sae o nome de Trampoline?

Trampoline é unha cama elástica, en inglés. A historia é un pouco anecdótica. A primeira 'demo' que David gravou cando aínda non nos coñecíamos, na súa época norteamericana, levaba unha carátula cunha foto modificada na que saían uns nenos dando volteretas nunha cama elástica. Decidimos manter esa imaxe do 'trampoline' no nome. A mim paréceme un nome moi sonoro. Pronunciamo-lo sen o e final.

Como vedes o futuro do voso proxecto?

Non hai nada planeado e estamos desfrutando da experiencia, chegue a onde chegue. De momento a cousa é buscar concertos, tocar, movernos, coñecer xente... e esto xa merece a pena. O único que nós buscamos é que sexa algo estable, non procuramos meter un campanazo en ningún sitio e ser revelación de ningunha clase. Queremos disfrutar da música como estamos a facer agora. A mellor parte disto realmente é o directo. É o que che dá o subidón mais grande. É un pouco como un partido de futbol. Por moi ben preparado que o leves nunca tes garantizado ao 100% o que vai suceder.O que vas facer o vas facer nese momento. Tamén ese estado de concentración que dura unha hora e media, pero que se che pasa coma se fosen quince minutos, é unha pasada.