Novas

O Ciclo de Documentais continúa con ‘Linguas Cruzadas’

11 de novembro de 2010

Mozas e Mozos propón unha cinta sobre o idioma con protagonistas de Bueu. A proxección de ‘Linguas Cruzadas’ daralle continuidade mañá venres, 12 de novembro, ao Ciclo de Documentais organizado pola Asociación Mozas e Mozos de Beluso. Ás 22 horas pasarase no Centro Social do Mar, con entrada de balde, a cinta dirixida por María Yáñez e Mónica Ares. As realizadoras desculparon a súa ausencia, pero intentarase contar con algúns dos protagonistas que deron o seu testemuño para o audiovisual, xa que parte da metraxe rodouse en Bueu.

A mocidade galega é a protagonista de ‘Linguas Cruzadas’, onde se reflicte qué lingua fala a xente nova e por qué. Se existe conflito ou qué lle falta ao galego para acadar a normalización son outras das preguntas que pretende responder o documental, cedéndolle a palabra á primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial. As experiencias e opinións desta xente menor de 30 anos son claves para comprender a situación da lingua e os retos para o futuro.

O audiovisual recolle a opinión de máis de 35 persoas, centrándose en 5 personaxes que representan outros tantos paradigmas de falantes na mocidade actual. A Coruña, Compostela, Castro de Rei e Bueu son os lugares da gravación. Cun protagonismo especial do Bueu Atlético Balonman, na vila morracense retrátase a situación habitual na que os rapaces aprenden a falar galego na casa pero pérdeno ao escolarizárense en castelán. Tamén aparecen castelanfalantes, galegofalantes, neofalantes e mesmo estranxeiros que aprenden o noso idioma, ademais de destacados grupos de música pop.