FORO SOCIAL |
12/07/2006 22:52
DEBATE SOBRE O SALGUIRON (FORO SOCIAL)
DEBATE SOBRE O SALGUEIRÓN
O Foro Social ven de solicitar no Concello a Capela do Hospital para a presentación dunha serie de alternativas sobre O Salgueirón e a proxección de unhas 600 diapositivas que fan memoria gráfica dos dous anos xa de existencia do Foro Social.
Lle lembramos ao Sr. Marinelli que os representantes do Foro Social e a FPG non son cidadáns de segunda clase os que se teña que manter calados, aínda que nos damos conta de que esa é precisamente a maneira de non ter que escoitar as verdades que non gosta ouvir.
O Foro Social ten unha traxectoria perfectamente pacífica e de defensa da liberdade de expresión centrada na oposición ao plan xeral plantexado por Arteplan, os convenios integrados nel e o intento final de validalo: o proxecto de porto deportivo no Salgueirón. A paralización das obras do proxecto de porto deportivo do Salgueirón fíxose arriscando a propia integridade física dos veciños participantes, resultando incluso un deles ferido por agresión dun traballador, e sendo reiteradamente ameazados e inxuriados, como reflexa unha sentencia xudicial que condena ao encargado da obra por ameazas cun pau dos que se usan para as vacas.
Despois de mais de nove meses recompilando a información relativa a tramitación do proxecto, podemos mostrar unha longa serie de irregularidades e ilegalidades evidentes a calquera, sen necesidade de especiais coñecementos xurídicos, aínda que, curiosamente, insuficientes para que o Tribuna Superior de Xustiza de Galicia decrete a paralización cautelar.
De feito, o equipo de goberno de Cangas mantivo nove meses de silencio culpable, que agora, na creste da onda da propaganda mediática, racha e se mostra tal como foi sempre, partidario acérrimo da venda de Cangas aos especuladores.
Non hai que agochar as palabras: compra a prezo barato, recalificación, e venda a prezo máximo de mercado, especulación con todas as letras.
As propostas que queremos presentar non van acompañadas dunha maqueta dun millón de euros, nin dunha montaxe virtual tipo Spielberg, nin asinadas por un mundialmente famoso urbanista, pero plantexan O Salgueirón coma parte do pobo de Cangas, con espazos para o traballo e a venda do produto do traballo, areas naturais, areas verdes públicas, areas adicadas a sanidade, ao lecer, ao deporte e aos servizos, sen esquecer as actividades turísticas e a investigación.
O Salgueirón é parte do patrimonio de Cangas, e unha peza básica para a ordenación urbanística do concello. Non se poden aceitar presas, non hai ningún tren índose, coma non sexa o dun pelotazo urbanístico anacrónico para os tempos actuais.
Defendemos un Salgueirón para traballar, gozar e vivir, non só para comprar e vender. Non queremos un espazo adicado a inversores que permaneza morto ao longo de todo o ano, porto deportivo incluído. Queremos un espazo completamente público, porque é noso, do pobo de Cangas, e non podemos privar del as xeracións que veñen detrás.
Nos non estamos a afundir nada, como xa se tivo que facer con anterioridade, só estamos a tirar do timón do barco aos que queren botalo contra as pedras. Que as persoas cheguen ao poder público cos votos dos cidadáns non quere dicir que receban un cheque en branco, e o pobo de Cangas o está a mostrar repetidamente con estes que nos acusan de soamente facer ruído.
Exactamente o mesmo co proxecto presentado por Ubaldino, ten que establecerse un debate público en torno a del, con xustificación da súa concordancia coas leis, da súa viabilidade e, palabra máxica, sostibilidade. E tamén poder estudar alternativas, nos queremos presentar algunhas, aínda que vos lembramos que un foro é un lugar público para exercer a liberdade de expresión, e como tal o Foro Social ofrécese, ofreceuse sempre, para que o que así o desexe o faga a través de nos.
Lle pedimos aos cidadáns de Cangas que sexan críticos coa propaganda que están a recibir, que os pequenos comerciantes valoren a competencia que lles pode facer un gran centro comercial e que filtren con coidado as palabras de Ubaldino, que onte no auditorio volveu a mentir no tema do famoso informe desfavorable de Pesca, afirmando que chegou a Autoridade Portuaria de Vigo en Decembro, cando podemos facilitarlle a calquera o fax que demostra que chegou en Xullo, o día anterior ó inicio da pretendida exposición pública de proxecto e informe de impacto ambiental.
Aproveitar tamén para romper unha lanza en favor da liberdade de expresión e facerse solidarios coa traballadora dun medio de comunicación, cualificado pola súa imparcialidade, e aí está a hemeroteca para demostralo, agredida verbalmente polo alcalde Sotelo, que sabe que ten que utilizar continuamente o insulto porque perdeu fai tempo a credibilidade do traballo ben feito como alcalde de todos e todas os cangueses e canguesas.
Cangas a 12 de Xullo de 2006
FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
-
DEBATE SOBRE O SALGUIRON (FORO SOCIAL) (FORO SOCIAL)