anónimo |
27/05/2006 13:31
proxección documental "OPERACIÓN LUNA"
Mozas e Mozos pecha o Ciclo de Cine Documental coa proxección de Operación Lúa
A cinta expón a posibilidade de que alunizaxe
no satélite sexa unha montaxe rodada por Kubrick
A proxección de Operación Lúa pecha mañá pola noite o Ciclo de Cine Documental programado pola Asociación Mozas e Mozos de Beluso (Bueu) para o mes de maio. A cita é no Centro Social do Mar ás 22.30 horas e o custe da entrada consiste nunha colaboración de 2 euros que Mozas e Mozos destina as súas actividades culturais.
Operación Lúa é unha coprodución francesa que expón a posibilidade de que o home nunca chegara ó satélite e que a alunizaxe da nave tripulada Apolo 11 tivera sido recreada nun plató baixo a dirección do cineasta Stanley Kubrick, logo de ter rodado 2001: unha odisea espacial.
Non foron poucas as voces críticas que en 1969 se alzaron ante a sospeita de que o daquela presidente Richard Nixon urdira unha complexa trama para facerlle crer a todo o mundo que lle gañara a carreira espacial á Unión Soviética. Despois da Guerra Fría, aínda hoxe hai quen asegura que Armstrong nunca pisou a superficie do satélite. A disposición das estrelas ou o vento que fai ondear a bandeira de Estados Unidos e que ó parecer non existe no espacio exerior son supostas probas que avalan a teoría desenvolvida en Operación Lúa.
A cinta aporta testemuños tan valiosos coma o de Donald Rumsfeld, secretario de Defensa dos Estados Unidos; Henry Kissinger, ex secretario de Estado; Richard Helms, ex director de la CIA; a viúva do propio Kubrick, e o astronauta Edwin Aldrin, a súa muller e outros traballadores da NASA.
Dirixido por William Karel e avalado pola prestixiosa produtora ARTE France, o ducumental deixa entever a delgada liña que separa a realidade da fición e propón un novidoso debate sobre a credibilidade deste xénero audiovisual.
Con Operación Lúa, Mozas e Mozos pecha o Ciclo de Cine Documental que se abriu o día 6 de maio coa exhibición de Baraka. As proxeccións colleitaron ata o de agora unha moi boa acollida entre o público asistente, que participou de xeito activo nos debates posteriores ó visionado aportando as súas opinións e reflexións sobre os documentais.
-
proxección documental "OPERACIÓN LUNA" (anónimo)