Retrouso |
08/07/2007 13:37
O grupo folk Saramaganta estréase no Chanscontro 07, o 21 de xullo
A edicion do Chanscontro 07 vai ser este ano o sábado 21 de xullo en Chans (Cela-Bueu). Os xogos populares desenvolverane desde as 10 da mañá n complexo recreativo. Ás 20 horas empezará o VI Festival retrouso coa actuación do gruo anfitrión, os grupos de baile Seixos Albos de Tui e Airiños de San Xulián (Marín).
Arredor das 22 horas, estrearase o grupo folk Saramaganta, composto por cinco músicos de longo percorrido no mundiño folk, da man de grupos como Tebras do Hío ou Na Virada.
Xuntáronse hai un ano pero o Chanscontro vai significar a súa posta de longo con repertorio e estilo propio, que eles mesmos cualifican como próximo ao do folk festeiro de Xochilmica ou Os Cempés. Os seus músicos son:
Alfonso Malvido, aos clarinetes
José Ángel Gago, gaitas, bombo e percusións miúdas
Zé Pumar, acordeón e frautas
Fernando Valladares, tamboril e percusións miúdas
Cristóbal Prieto, gaitas e frautas
O seu repertorio componse dunha equilibrada mestura de composicións propias e pezas tradicionais cun aire festivo e de calidade.