MANIFESTACION |
16/04/2008 21:59
ACUDIDE Á ALAMEDA VELLA DE CANGAS
Querid@s compañeir@s:
Para este fin de semana, con motivo da celebración do Día da Terra (22 de abril), tíñamos previstos varios actos.
Desgraciadamente algo máis urxente interpúxose aos nosos plans obrigándonos a modificalos.
Trátase dun novo intento de iniciar as obras ilegais do porto deportivo e da urbanización de luxo de Massó, en Cangas, obras paralizadas durante dous anos e medio pola resistencia veciñal.
Por iso temos que chamarvos a participar nunha mobilización urxente en defensa da nosa ría, contra a especulación e a destrución sistemática do litoral.
MANIFESTACIÓN EN CANGAS
S.O.S. MASSÓ
ESTE DOMINGO, DÍA 20, ÁS 12:00 H. NA ALAMEDA VELLA
CONVOCADA POR:
* FORO SOCIAL DE CANGAS *
* A RÍA NON SE VENDE *
* GALIZA NON SE VENDE *
A situación en Cangas é crítica:
A empresa Puentes y Calzadas está querendo forzar a recualificación dos terreos do Salgueirón mediante a ameaza de reinicio inmediato das obras do porto deportivo que a oposición veciñal ten paradas dende hai dous anos e medio.
Un novo Plan Xeral está iniciándose e este mesmo mes tense que presentar o seu avance.
Hai fortísimas presións sobre o grupo de goberno (ACE, BNG, PSdeG-PSOE) para o troco da actual cualificación de industrial a unha de residencial, con obxecto de desenrolar unha urbanización de luxo.
Os terreos pertencían á antiga conserveira Massó e teñen un altísimo valor patrimonial (están declarados como ben de patrimonio industrial), natural, botánico e, pola súa cercanía ao núcleo de Cangas, representan un pulmón vital para cubrir o tremendo déficit de Cangas en zonas verdes.
No mar, a construcción dun inmenso porto deportivo, nunha zona de escaso calado e gran riqueza pesqueira e marisqueira, modificaría as correntes da ría, deixando un canal de só 1,3 millas ate o macrorecheo de Bouzas, o que pode comprometer aínda máis o crítico estado de saúde dunha ría da que dependen miles de familias.
A lentitude da xustiza (hai máis de cinco denuncias en curso e dous contenciosos administrativos da Confraría de Cangas), a ambición de empresarios e financeiras (Caixanova), e o estudiado desleixo de múltiples políticos involucrados, pode permitir unha absurda pero tremendamente lucrativa recualificación.
ACUDIDE Á ALAMEDA VELLA DE CANGAS
O DOMINGO 20 ÁS 12.
Non permitamos a consumación desta aberración
CANGAS NON SE VENDE
A RÍA NON SE VENDE
GALIZA NON SE VENDE