Mércores 10 agosto de 2016 • 21:00 h Música | De balde | Ao aire libre 🌳🌿

Balkan Paradise Orchestra

Balkan Paradise Orchestra

Desde que iniciou o seu camiño a principios de 2015 na cidade de Barcelona, Balkan Paradise Orchestra foi confirmando, actuación tras actuación (máis de trinta neste primeiro ano de vida), o seu papel como formación inusual e rompedora. Integrada por oito instrumentistas de vento-metal, vento-madeira e percusión, a BPO (como xa se coñece tamén o grupo) achegou un aire fresco e alegre ao panorama das fanfarrias do noso país.

Con formacións, experiencias e influencias diversas, pero irremediablemente infectadas polo virus do metal e inevitablemente conectadas coa tradición balcánica das orquestras de vento, estas oito mulleres ofrecen un espectáculo que funciona tanto en escenario como na rúa, cunha sorprendente capacidade para xerar empatía co público. Non importa se xogan en casa ou se desprazan ata Escandinavia: a diversión e a festa están aseguradas coa BPO.

Balkan Paradise Orchestra presentouse oficialmente no Koitton Club do barrio de Sants (Barcelona), coincidindo co inicio da primavera. Apenas un mes despois, o grupo era apadriñado polo Taller de Músics a través do proxecto Cabal Musical. Desde entón, a BPO paseouse por toda Catalunya, de sur a norte e de leste a oeste, con actuacións en festivais internacionais e grandes celebracións como Balkabarna Festival (Barcelona), as festas da Mercè (Barcelona) ou o festival Temporada Alta (Xirona).

En decembro de 2015 o grupo gravou a súa primeira maqueta nos estudos Aclam Records, baixo o selo discográfico do Taller de Músics. A gravación recolle versións de temas tradicionais do leste europeo (Romanía, Serbia e Grecia).

Compoñentes:

  • Alba Careta, trompeta e voz
  • Mila González, trompeta
  • Eva Garín, clarinete
  • Maria Cofan, trombón tenor
  • Alba Ramírez, trompa
  • Maria Astallé, trombón baixo
  • Olivia Casas, tuba
  • Eli Fabregas, percusión
comments powered by Disqus