Mércores 6 abril de 2016 • 21:00 h Teatro | 4 €

'A Órbita do Lucecú' - Lucecús Teatro

'A Órbita do Lucecú' - Lucecús Teatro

Para a realización deste proxecto teatral, a compañía apostou por un intenso traballo de documentación partindo de dous temas: a sociedade tecnolóxica e os novos xeitos de comunicarse. O proceso foinos levando a tres ideas que orbitaban ao redor noso: os lucecús, Nikola Tesla e o planeta vermello.

Logo dese traballo de documentación, pasamos á exploración de diferentes situacións dos personaxes con moito xogo e improvisación, que fixo que esa idea inicial evolucionara cara outras temáticas como a soidade, o amor, a procura, a reafirmación persoal, até conseguir un texto e un espectáculo vivos, actuais e cheos de enerxía.

Lucecús Teatro nace da confluencia de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo, tres vagalumes decidimos xuntarnos e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo. Tres lucecús chamados Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos.

A compañía acaba de nacer pero xa son moitas as actuacións que levamos ás nosas costas, esperando ansiosos que o número se multiplique. Comezamos este proxecto da man dos compañeiros de Ibuprofeno Teatro, que dirixirán este primeiro espectáculo que ogallá sirva para alumarnos polos camiños do mundo.

Co apoio da Rede Galega de Música ao Vivo.

http://www.lucecusteatro.com/

comments powered by Disqus