Venres 7 xuño de 2013 • 23:00 h Música | 7 €

Banda Crebinsky (Música popular dun país inexistente)

Banda Crebinsky (Música popular dun país inexistente)

Banda Crebinsky é unha pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario, fuxida do filme Crebinsky. Do mesmo modo, as súas músicas nacen como banda sonora e saltando da pantalla, corren ás rúas e os escenarios, crecendo e desenvolvéndose con grande enerxía. Unha historia ben interesante.

Se houbese que etiquetar o seu estilo, pronto nos veriamos en serias dificultades. Con todo, podemos arriscar algunhas expresións como “composicións eclécticas- delirantes próximas á world music ou ben “música popular dun país inexistente” que nos aproximaría algo á realidade. Da súa escoita reflexiva se evidencia un traballo musical de gran calidade, cheo de detalles e minucioso, tanto a nivel compositivo como de interpretación. Non obstante, é case imposible escoitar todo o seu espectáculo de xeito reflexivo, pois a contaxiosa vitalidade que transmite Banda Crebinsky invita a festa sen paliativos.

Os integrantes da Banda Crebinsky teñen unha ampla bagaxe musical e unha gran capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o folk ao jazz, rock, musica clásica ou experimental. Outro dos aspectos nos que se reflicte a diversidade que caracteriza a este proxecto son as linguas das letras dos seus temas: galego, ruso, castelán, francés e italiano.

Formación:

Vazdim Yournevich: Acordeón e voz

Pablo Pérez: Contrabaixo

Miguel Queixas: Bateria

Xacobe Lamas: Violín

Enrique Otero: Teclados.

comments powered by Disqus