Xoves 23 febreiro de 2006 • 21:30 h Teatro | 5,00 €

Charlie's Angels' Sex: , Teatro caChuzo

Érase unha vez tres rapazas moi distintas, pero con tres cousas en común: son listas, son preciosas e traballan para un misterioso multimillonario coruñés chamado Charlie.

Elas son Yurinka Letal, Fresy Sweet e Lily Bianco. E unha vez máis, sen despeitearse sequera e mantendo o seu natural glamour, enfrontaranse aos maiores perigos físicos e psicolóxicos imaxinables para salvar o mundo.

Acción, suspense, música, artes marciais, romance, humor, amor, filosofía oriental, onanismo, protocolo, hipnotismo e moito máis abordarán as nosas Anxos nesta trepidante aventura.

Charlie’s Angels’ sex é unha comedia ácida e descrida sobre o modelo de muller do século XXI que nos venden: actual, cosmopolita, sempre eficaz, sempre perfecta e que a publicidade nos indica como conseguir mercando catro cousiñas.

E seguindo os seus consellos as nosas anxos están condenadas a non ser máis ca un esperpento de feminidade de consumo, mulleres á última incapaces e encontrar solucións fóra deses manuais vitais que son as revistas femininas. Ou estás á última ou quita do medio!

Teatro caChuzo é unha compañía creada no ano 2000 coa vocación de representar textos teatrais de novos dramaturgos galegos.

Teatro caChuzo estreou en outubro de 2000 Fume de Carlos Losada e Rubén Ruibal, interpretada por este último xunto con Nacho Castaño.

En 2003 incorpora a Ursía Gago, Eva Gontad, Begoña Ferreira, Iria Cacheiro, Silvia Cerneira e Santi Telmo para poñer en escena Insomnio, de Rubén Ruibal, dirixida por Carlos Losada e estreada o día 11 de decembro na sala Nasa de Santiago de Compostela.

En 2005 estrea Charlie’s Angels’ sex de Begoña Ferreira e Eva Gontad

Visita a web de

Visita a web de Teatro caChuzo