Domingo 14 abril de 2019 • 20:30 h Música | 10€ ant. / 14€ bill.

NAO

NAO

A primeira formación da banda nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana.

En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta, en Vigo. Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara os estudos Garate, de Euskal Herria, onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007). A este disco séguenlle cinco máis: “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012), “Cartas no caderno” (2014) e o doble álbum “Soñar” – “Crear” (2016). Cabe destacar que nestes 13 anos a banda sufre cambios na súa formación.

O ascenso de NAO é evidente e a súa presenza no panorama musical galego, indiscutible, contando cun crecente número de seguidores e producíndose un salto cualitativo no traballo da formación, de feito, no ano 2015 resultan galardoados co prestixioso Premio Martín Códax da música galega na categoría de Metal.

É nese ano, e estando no seu mellor momento, cando a banda anuncia un parón indefinido pero non inmediato. A súa intención era crear unha triloxía final baixo o epígrafe de “Apocalipse NAO”. “Soñar” (2016), “Crear” (2016) foron dous dos tres discos da Apocalipse proxectada polos músicos de NAO, que se verá completada co que será o derradeiro disco baixo o título “Ata que o lume se apague”.

Nestes máis de trece anos NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.

Achégase a Apocalipse. Que se eleve o lume, que arda.


Entradas anticipadas á venda no local e mais a través do email contacto@somosnao.com

comments powered by Disqus